
¿Queres traballar connosco? Oferta de emprego do 21 de outubro do 2026 para Perfil de Coidador/a
21 de Outubro de 2026AGORA impulsa a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade a través do proxecto «CreARTE: Espazos de Potenciación»
A iniciativa, subvencionada polo Concello de Monforte de Lemos, permitirá dar continuidade ao traballo de promoción das capacidades, a autonomía persoal e a participación social das persoas usuarias da entidade.
A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vén de ser beneficiaria do proxecto «CreARTE: Espazos de Potenciación», subvencionado polo Concello de Monforte de Lemos, unha iniciativa orientada a promover o desenvolvemento persoal, potenciar habilidades e fomentar a autonomía das persoas con discapacidade a través da arte, a creatividade e a participación activa.
O proxecto enmárcase no traballo que AGORA desenvolve de maneira continuada a través dos seus servizos e programas, apostando por unha atención centrada na persoa e adaptada ás súas capacidades, necesidades e intereses. Mediante talleres e actividades de carácter creativo e participativo, búscase ofrecer espazos de aprendizaxe, expresión e convivencia que contribúan ao fortalecemento das habilidades persoais, funcionais e sociais.
A creatividade constitúe unha ferramenta de gran valor para favorecer a autonomía, a autoestima, a comunicación e a participación. A través de propostas adaptadas, as persoas participantes teñen a oportunidade de experimentar, desenvolver novas destrezas, tomar decisións e compartir experiencias, reforzando o seu papel protagonista nos procesos de desenvolvemento persoal.
Desde Asociación AGORA considérase fundamental promover iniciativas que, máis alá da adquisición de habilidades concretas, contribúan a xerar oportunidades reais de participación e inclusión social, favorecendo o benestar e a calidade de vida das persoas con discapacidade.

A entidade agradece ao Concello de Monforte de Lemos o seu apoio e compromiso co desenvolvemento de actuacións que contribúen a avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan desenvolver as súas capacidades e participar activamente na comunidade.
Con este proxecto, AGORA continúa reforzando o seu compromiso coa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, a promoción da autonomía persoal e a creación de oportunidades para unha vida máis independente e participativa.
