A Asociación AGORA Mellora a Eficiencia Enerxética e a Seguridade en 2024
20 de Setembro de 2024A Asociación AGORA para persoas con discapacidade de Monforte de Lemos organiza unha Xornada de Portas Abertas o 27 de setembro de 2024
O próximo día 27 de setembro na Casa da Cultura do Concello de Monforte e, se o tempo acompaña na chaira da Praza de España, a Asociación AGORA imos organizar co apoio do Concello de Monforte unha Xornada de Portas Abertas na que temos previsto dar a coñecer as actividades e servizos que prestamos.
A xornada levarase a cabo de 11:30 horas a 13:30 horas e de 16:00 horas a 18:00 horas. Durante este tempo está previsto mostrar en diferentes casetas elaboradas de maneira artesanal polas persoas usuarias e co apio dos profesionais, algúns dos traballos que se realizan en talleres como mosaico, costura ou cociña entre outros. Tamén haberá un circuíto inclusivo no que a través de diferentes probas e xogos visibilizarase o día a día que viven as persoas con algún tipo de discapacidade. Preparamos unha chea de actividades para que todos e todas, desde os máis pequenos ata os máis maiores, poidades gozar.
Tamén haberá un posto sobre os recursos e servizos que presta a entidade, así como información sobre os dereitos e beneficios relacionados co certificado de discapacidade e a solicitude de dependencia.
As actividades finalizarán pola tarde coa clausúraa da xornada coa intervención dun representante do equipo técnico da entidade, o Presidente da Asociación AGORA e pechará o acto o Alcalde. Haberá un pequeno sorteo entre as persoas que participen na actividade.
A continuación, podedes ver algunhas imaxes das persoas usuarias da Asociación AGORA preparando o material que se mostrará nesta Xornada de Portas Abertas.
Asociación AGORA
É unha entidade sen ánimo de lucro que xorde no ano 1992 coa misión de defender os dereitos das persoas con discapacidade da comarca de Lemos, para alcanzar unha plena participación na sociedade. Actualmente conta con 87 persoas asociadas e atende diariamente nos diferentes programas e servizos que desenvolve, a 32 persoas con discapacidade.